sábado, 26 de abril de 2014

Entrevistas VII SEMANA DE POESÍA SALVAXE de FERROL, por ARY LÓPEZ

Entrevistas | Ferrol360



Portada / Entrevistas

Arrinca en Ferrol a semana máis poética do ano

ARY LÓPEZ | Xoves 24 abril 2014 | 11:31
«Detrás non hai ninguén, diante todos». Así de contundente se amosa Juan Carlos Valle ‘Karlotti’ cando lle preguntan quen pon en marcha a Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol. A difícil tarefa de facer realidade un evento que xira arredor da cultura congregando multitude de artistas na cidade naval é obra, fundamentalmente, dos poetas Guillermo Ferrández e Karlotti. O dúo non está só, conta coa «colaboración imprescindible» de Marcos Lorenzo e unha longa lista de persoas e algunhas asociacións culturais, como Fuco Buxán.
Precisamente, estas tres almas pensantes foron os ideólogos dun evento ao través do cal poder manifestar o que a poesía significa para eles, e que celebra este ano a súa séptima edición. Nas xuntanzas mantidas no Club de Lectura, xurdiu «a necesidade de poñer en escena a convicción de que a poesía feita con palabras, ten, na rúa, no pobo, o seu receptor natural». Porque para Karlotti, a poesía «debe ser verdade, beleza e emoción», e desta forma chegar á sociedade.
Nalquel momento tiveron constancia de que, para moitas persoas, «ler é un traballo» e quixeron poñérllelo fácil a aqueles para os que a lectura resulta «un hábito difícil». De modo que, pensaron, lendo eles mesmos a súa propia poesía, poderían «facer chegar as letras a todos e todas, meterse no corazón e na cabeza». Consideran que a ferramenta poética serve «para manter a palabra con vida, recuperala do vacío e do mortal uso que o poder fai dela. O poema fai que a palabra volva á súa frescura, á súa forza».
Pero poñer en marcha unhas xornadas deste tipo require dun esforzo verdadeiramente salvaxe. En canto ao respaldo económico, según Karlotti: «Haino que conseguir coa pura xenerosidade de tódolos poetas que asisten e as doazóns humildes dos cidadáns, ademais da valiosa aportación, por exemplo, dos hoteis que nos fan prezos especiais estes días». «Carecemos da máis mínima subvención», prosigue Karlotti e lembra que nas primeiras edicións atoparon «o apoio incondicional por parte do concello».
Mais agora láiase de que esta iniciativa «está a sufrir a actitude incomprensiblemente agresiva do novo goberno». Sinala que nos últimos anos, a cita sae adiante coa humilde achega de distintos colectivos e pequenos negocios, porque, pola parte institucional, lamentan non recibir resposta: «Por parte do concelleiro de Cultura non houbo o máis mínimo diálogo».
Malia todo, non olvidan que as dificultades levan consigo fortalezas e isto sérvelles para «combater a mediocridade e mezquindade do poder». Porque «a forza e beleza reside nas verdades poéticas e queremos compartilas para resistir e rir nestes tempos novamente escuros».
Semana Poesía Salvaxe
Karlotti ten claro que a Semana da Poesía Salvaxe é «algo admirado e xa reconocible en Ferrol, que levanta simpatías» e resulta ser «un acontecemento humilde». Considera, ademais, que alén da Ponte das cabras, a iniciativa «consegue poñer a Ferrol no mapa», e faino «por medio da poesía que cautiva, alimenta e nos fai habitar o mundo con dignidade». Destaca que poetas chegados de Extremadura, Madrid, Asturias, Euskadi, León, Portugal e mesmo de Alemaña visitan esta cita «libre e salvaxe».
Programa
Este xoves, comezan os actos da VII Semana da Poesía Salvaxe na praza de Ferrol Vello a partir das 6 da tarde onde lerán un breve manifesto e aproveitarán para lembrar e reivindicar a figura de Ricardo Carvalho Calero. Ás 8, no Cafelito de Gloria, estarán acompañados de Al Vidal e Eli Barrio e ás 11, o Manchita Cosa escoitará un recital poético da man de Günter Heinz, Itha K e Karlotti. Xa arredor das 0.30 horas, García MC, compoñente de grupo de hip hop Dios Ke Te Crew actuará na Sala Super 8.
No mediodía do venres, volve este último xunto a Al Vidal, Eli Barrio e AldaoLado ao mercado. Pola tarde, a actividade será trasladada ao Ateneo Ferrolán e á praza de Canido, onde, a partir das 7, actuarán Roger de Flor, Amparo Arias, Pedro Campos e Estevo Creus, entre outros. O cantante punk Leo i Arremecághona será o protagonista dende as 0:30 horas no bar Cazadores. Unha hora máis tarde, o local Carteles será o lugar para pechar a xornada cunha actuación conxunta de tódolos participantes nesta séptima edición da Semana da Poesía Salvaxe.
sábado, dende a unha do mediodía, o Cazadores acollerá unha sesión vermú a cargo de Morse (Chefa Alonso e Victor M. Díez).

No hay comentarios:

Publicar un comentario